O Concello de Valdoviño saca a contratación o servizo de limpeza nas praias do municipio

Inclúe a apertura, peche, limpeza e desinfección dos baños

Valdoviño, 19 de maio do 2026. De cara ao verán, o Concello de Valdoviño vén de sacar a contratación o servizo de limpeza diaria das praias da Frouxeira, Do Río, Pantín, Vilarrube, Campelo, Cano Grande, Cano Pequeno, Mourillá, Porto Carrizo e O Baleo. Sae a licitación cun orzamento de 32.843,03 euros anuais, que a Administración local financiará coa subvención solicitada e concedida pola Deputación da Coruña. As empresas interesadas en prestar o servizo poden presentar a súa oferta ata o 27 de maio, e consultar pregos e documentación na plataforma de contratación do sector público.

O servizo, que se prestará diariamente do 15 de xuño ao 15 de setembro, inclúe a limpeza dos citados areais, así como dos seus paseos, servizos auxiliares e arredores, recollida de papeleiras, limpeza de aparcadoiros e desbroces a realizar nas inmediacións das praias e nos aparcamentos anexos ás mesmas. No tocante aos baños, contempla a apertura e peche cada xornada, e a limpeza e desinfección dos emprazados nos areais, xa sexan fixos ou portátiles, con hixienizado dos seus elementos sanitarios. 

POSIBLES MELLORAS

Dentro do obxecto do contrato, as empresas que concorran deberán incluír as seguintes tarefas, a realizar pola adxudicataria, e que se terán en conta como melloras a valorar na adxudicación:

-Realización das tarefas de limpeza e mantemento precisas na pista polideportiva sita na praia da Frouxeira, con retirada e xestión acorde á súa natureza, de calquera residuo que se atope na mesma.

-Mantemento, desbroce, limpeza e desinfección dos parques infantís das praias da Frouxeira e de Pantín, con retirada e xestión acorde á súa natureza, de calquera residuo que se atope nos mesmos.

-Instalación, mantemento, limpeza e hixienizado de baños portátiles na praia de Campelo, con retirada e xestión de calquera residuo conforme á súa natureza.