O Concello de Valdoviño saca a contratación o servizo de limpeza diaria das praias
As empresas interesadas en optar ao contrato, cun valor estimado cercano aos 60.000 euros, poden presentar as súas ofertas
Valdoviño, 23 de maio de 2024. O Concello de Valdoviño vén de sacar a contratación o servizo de limpeza diaria das praias de Campelo, O Río, O Cano Grande, O Cano Pequeno e Mourillá, A Frouxeira, Pantín, Porto Carrizo, O Baleo e Vilarrube. Investirá no contrato 59.274,86 euros, que co-financiará grazas a unha achega da Deputación da Coruña, e as labores desenvolveranse diariamente entre o 15 de xuño e o 15 de setembro. As empresas interesadas en optar á licitación xa poden presentar as súas ofertas, ata o 4 de xuño, e consultar as condicións e documentación na plataforma de contratación do sector público.
O servizo comprenderá, entre outras, as seguintes tarefas:
-Limpeza, retirada e xestión de residuos nas zonas de praia ou nos accesos ás mesmas, así como daqueles depositados polas mareas -en coordinación co Concello e/ou administración competente-
-Baleirado das papeleiras con reposición dos sacos de lixo, e xestión, conforme á súa natureza, dos residuos
-Retirada de area dos paseos, duchas ou accesos ás praias
-Apertura, peche, limpeza e desinfección dos baños públicos existentes nos areais, xa sexan fixos ou portátiles, con hixienizado dos elementos sanitarios -un mínimo de 3 veces ao día e sempre que fose necesario, en todo caso-, retirando e xestionando calquera resto que se atope nos mesmos
-Desbroce e coidado de superficies nas inmediacións das praias e aparcamentos.
Dentro do obxecto do contrato incluiranse as seguintes tarefas, a realizar pola empresa adxudicataria, e que se terán en conta como melloras a valorar na adxudicación: tarefas de limpeza e mantemento na pista polideportiva sita na praia da Frouxeira; mantemento, desbroce, limpeza e desinfección dos parques infantís das praias da Frouxeira e de Pantín, e instalación, mantemento, limpeza e hixienizado de baños portátiles na praia de Campelo.