O Concello de Valdoviño saca a contratación a construción da pista polideportiva e 2 pistas de pádel cubertas anexas ao CPI Atios
Esta actuación requerirá dun investimento de 246.000 euros e constitúe a primeira fase do complexo deportivo de Atios
Valdoviño, 8 de setembro de 2021. O alcalde, Alberto González, anunciaba esta mañá que o Concello vén de sacar a contratación as obras de construción da pista polideportiva e das dúas primeiras pistas de pádel cubertas do municipio. Estarán situadas nas inmediacións do CPI Atios, no antigo campo de fútbol, e nelas investiranse 246.461,35 euros. Deles, o Concello financiará a maior parte, uns 200.000 euros, coa liña de axudas do POS+, e cubrirá o resto cunha partida dos orzamentos municipais. Son a primeira fase da intervención que, como explicou o rexidor, dotará a Valdoviño do complexo deportivo de Atios, que incluirá piscina cuberta climatizada e piscina terapéutica, ximnasio, vestiarios e unha cafetería con terraza, entre outros servizos e a través das 3 fases previstas.
Esta primeira fase contempla a construción dunha pista multideporte de 40×20 (máis de 1.000 metros cadrados de superficie construída) e 2 pistas de pádel cubertas e con pavimento de céspede artificial de 10×20 metros cada unha (651,30 metros cadrados). O prazo de presentación de ofertas está aberto ata o 3 de outubro e as empresas interesadas nos traballos, cun prazo de execución estimado de 6 meses, poden consultar a documentación na plataforma de contratación do sector público.
Alberto González destacou a inmellorable situación do futuro complexo, próximo ao CPI Atios, á Casa da Cultura, Centro de Saúde e Centro Sociocomunitario, que permitirá crear unha ampla zona de equipamentos interrelacionados.