O Concello de Valdoviño retoma os encontros veciñais nas parroquias e avanza calendario

Escoitar propostas, queixas e suxestións son os obxectivos das reunións, que arrancarán a vindeira semana no local social de Aviño

Valdoviño, 21 de febreiro de 2024. O Concello de Valdoviño retomará os encontros veciñais nas parroquias, e esta mañá, o alcalde, Alberto González, avanzaba o calendario para as próximas semanas. As xuntanzas celebraranse en todas as parroquias, en horario de tarde, e terán os locais sociais como espazo de encontro (agás Valdoviño, onde se celebrará na casa da cultura). Nelas participarán os concelleiros e concelleiras das diferentes áreas, ademais do alcalde, co fin de escoitar as propostas da veciñanza e as queixas e suxestións sobre os servizos e proxectos municipais, ademais de avanzar programas. Trátase dunha iniciativa coa que favorecer a participación veciñal no día a día do Concello.

Así, o primeiro encontro celebrarase a vindeira semana en Aviño, o martes 27 de febreiro ás 19:30 horas. A continuación, Meirás o 6 de marzo; Sequeiro o 14 de marzo; Lago o 21 de marzo; Vilaboa o 3 de abril; Pantín o 10 de abril; Loira o 18 de abril; Valdoviño o 25 de abril, e Vilarrube o 30. As reunións darán comezo ás 19:30 horas, coa excepción desta última, que arrancará ás 20:15 horas.