O Concello de Valdoviño retoma as clases de tiro con arco no pavillón do Longoiro
Aberta a inscrición nos cursos, que imparte o Club Arco A Frouxeira, seguindo os estrictos protocolos que marcan o Consello Superior de Deportes e a Federación Española de Tiro con Arco
O Concello de Valdoviño retomará esta semana os cursos de tiro con arco no pavillón municipal do Longoiro, en Meirás. Unhas instalacións que se someteron nos últimos meses a obras de mellora como a renovación da cuberta. O Club Arco A Frouxeira será o encargado un ano máis de guiar as clases, dirixidas a nenos e nenas a partir de 9 anos en adiante e adultos. Celebraranse os luns e venres de 17 a 19 horas, e os sábados de 10 a 12 horas.
A inscrición está aberta e, no caso de alumnos e alumnas de edicións pasadas, tan só é necesario enviar ao 626 465 531 un whatsapp de confirmación. No caso de novas matrículas, debe sinalarse ademais do nome e apelidos, DNI e idade. Nos dous casos, a Concellería de Deportes porase en contacto para informar dos trámites.
Tanto dende a Concellería de Deportes como do propio clube, inciden en que a actividade rexirase escrupulosamente polos estrictos protocolos de prevención fronte á covid-19 establecidos polo Consello Superior de Deportes e pola Federación Española de Tiro con Arco. Así, entre outras medidas, contémplase un máximo de 9 parapetos para garantir unha distancia mínima interpersoal de 2,5 metros. En cada un deles, poderán estar un máximo de 2 alumnos/as por quenda. Así mesmo, cada tirador terá o seu propio equipo, que facilitará a escola, evitando así que se comparta o material. Ademais, o uso da máscara é obrigatorio e a desinfección de mans e material será constante.