O Concello de Valdoviño rescinde o contrato das obras do campo de fútbol de Mourente e adxudícao a Oziona

Foi a segunda empresa coa mellor oferta presentada ao concurso aberto no seu día e agora afrontará o remate dos traballos pendentes

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar á empresa Oziona o contrato de construción do campo de fútbol de herba artificial de Mourente, en Lago. Un contrato que no primeiro semestre do pasado ano o Concello de Valdoviño adxudicaba en primeira instancia a Mecano Sport por valor de 268.519,45 euros. A partir de aí, arrancaban as obras en Mourente e, en apenas dous meses, completábase o movemento de terras e a instalación do sistema de rego e de saneamento. Os traballos alcanzaban o seu ecuador no mes de xullo de 2019 pero, nese momento, as cousas torcéronse. Os incumprimentos de prazos e intervencións por parte da empresa foron constantes e os requerimentos realizados polo Concello, desatendidos. Iniciouse entón o trámite administrativo de rescisión de contrato.

A rescisión formalizábase hai unhas semanas e, esta semana, a Xunta de Goberno Local adxudicaba o contrato a Oziona, a segunda empresa coa mellor oferta presentada ao concurso aberto no seu día. Neste caso, o importe das actuacións pendentes estímase en 160.211,45 euros, unha vez descontados os traballos realizados. Esas tarefas pendentes pasan pola instalación e execución das beirarrúas perimetrais, a consolidación da base do terreo de xogo e a instalación do céspede artificial. Uns traballos que o Concello confía en que poidan realizarse no menor espazo de tempo posible atendendo ás condicións climatolóxicas. En todo caso, estímase que as máquinas volvan a Mourente en decembro, unha vez se asine o contrato e se formalice o plan de seguridade.