O Concello de Valdoviño reforzará o persoal de obras e servizos coa incorporación de 4 peóns
Contará cunha subvención autonómica para financiar os contratos
Valdoviño, 14 de maio do 2026. O Concello de Valdoviño reforzará a plantilla do departamento de obras e servizos coa incorporación de catro peóns. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración respondía favorablemente á solicitude presentada pola Administración local á liña de subvencións para o fomento do emprego no medio rural, programa Galicia Suma Talento: Rural Activo. Así, confirmaba a concesión dunha achega de 67.820,12 euros, que permitirán financiar ao 100% os custos salariais totais das contratacións de persoal temporal a tempo completo por un periodo de 9 meses.
As persoas aspirantes aos postos deben estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados, e será este quen realice unha selección previa de candidatos/as que remitirá ao Concello de Valdoviño. As tarefas a realizar serán aquelas vinculadas ás propias de prevención de incendios forestais, protección e mantemento dos espazos naturais do municipio mediante traballos de limpeza forestal, protección e conservación da riqueza biolóxica natural.
