O Concello de Valdoviño reforza o programa Concilia Tempos Mañás para dar resposta ao aumento da demanda rexistrada neste curso
O servizo de conciliación no CPI Atios e unitarias de Lago e Taraza arrincará o curso cun total de 50 nenos e nenas apuntadas
Valdoviño, 9 de setembro do 2024. Un total de 50 nenos e nenas participarán neste curso no programa municipal Concilia Tempos Mañás. O servizo de conciliación que activaba hai uns anos o Concello de Valdoviño no CPI Atios primeiro, e estendía despois ás escolas unitarias, estase a consolidar curso tras curso, e neste que estamos a piques de comezar vén de incrementar considerablemente a demanda, duplicando practicamente as solicitudes coas que comezaba en 2023. Un aumento que obrigará ao Concello de Valdoviño a reforzar o persoal contratado para o programa.
O departamento municipal de Servizos Sociais abría a primeiros de xuño o prazo de preinscrición no servizo, por espazo de 15 días. Tras a súa valoración, decidiuse dar entrada a todas as solicitudes, ampliando as prazas previstas inicialmente. Aínda así, nas últimas xornadas recibíronse algunhas peticións de incorporación, que pasarían a lista de agarda.
Por centros, o CPI Atios contará con 34 nenos e nenas, namentras que a escola unitaria de Lago terá 9 e a de Taraza, 7. O servizo ofrécese de 7:30 a 9:30 h no caso do CPI Atios, e de 8:00 a 9:30 h en Lago e Taraza, e as familias poden incorporarse cando así o precisen, sendo as 8:30 h o límite no caso de que almorcen no espazo. A idea é iniciar o día dun xeito tranquilo, desfrutando do ambiente grupal e dun almorzo saudable, ofrecendo iogures, froita, froitos secos, mel, cereais, leite, pan…