O Concello de Valdoviño reforza a plantilla da Policía Local con tres auxiliares
Cun contrato de 6 meses, a súa incorporación permitirá cubrir os turnos durante as fins de semana
Valdoviño, 23 de abril do 2026. O alcalde, Alberto González, informaba esta mañá de que o Concello de Valdoviño vén de reforzar a plantilla da Policía Local coa incorporación de tres auxiliares. Asinaban esta semana os seus respectivos contratos, comezando xa a súa actividade baixo a supervisión dos axentes. Con eles, o Concello poderá cubrir os turnos de fin de semana, de mañá e tarde.
A contratación, por espazo de 6 meses, sufragarase con cargo aos fondos municipais, e solicitouse unha axuda do Fondo de Compensación Ambiental coa que, como en anos precedentes, tentar reducir os custos para as arcas locais, que ascenden a preto de 35.000 euros.
Entre as súas funcións, está a custodia e vixiancia de bens, servizos e instalacións municipais, así como o auxilio e colaboración cos funcionarios do Corpo da Policía Local e demais Forzas e Corpos de Seguridade.
