O Concello de Valdoviño reedita os #ValdoQR para difundir o patrimonio máis curioso e descoñecido do municipio

A través das contas de Facebook e Instagram de Valdoviño Turismo dará cada semana pistas para descubrir novas localizacións

O Concello de Valdoviño reedita os #ValdoQR, un proxecto turístico que mistura patrimonio e redes sociais. Diversos recursos de interese da localidade veñen de estrear estes días códigos QR, permitindo a veciños e visitantes acceder a través dos seus móbiles a datos curiosos sobre o que teñen fronte aos seus ollos. Un goteo de pistas, a través das redes sociais municipais, permitirá ir descubrindo semanalmente novas localizacións.

A iniciativa busca promocionar elementos do patrimonio que, ata o de agora, son descoñecidos mesmo para moitos veciños e veciñas e, en paralelo, achegar datos rechamantes sobre algúns dos principais reclamos do municipio. Apuntamentos anecdóticos, que escapan aos que adoitan recoller os habituais paneis interpretativos e guías.

Trátase pois de promocionar recursos de interese histórico, medioambiental ou xeolóxico, e potenciar a oferta turística cunha sinalización de calidade, apostando por unha ferramenta como os QR que, de maneira sinxela, permiten ao visitante acceder cos seus dispositivos móbiles a información que enriqueza a súa estancia.

A posta en marcha da primeira fase do proxecto, a primeiros de ano, incluíu preto dunha vintena de placas, distribuídas por lugares das oito parroquias do municipio. E combinouse, como a partir dagora, co lanzamento dunha sorte de reto nas redes sociais e o sorteo de “premios”. Agora súmanse outra decea de localizacións a descubrir.

Así, as páxinas oficiais de Facebook e Instagram de “Valdoviño Turismo” publicarán semanalmente pistas para que visitantes e veciños tenten averiguar  onde se atopan os pivotes cos códigos. E, se o adiviñan e comparten unha foto  neses espazos xunto coa placa e o hashtag #ValdoQR, entrarán no sorteo de merchandising do Océano Surf Museo.