O Concello de Valdoviño reedita os talleres de musicoterapia para maiores en Aviño, Montefaro, Pantín, Sequeiro e Vilaboa

Abre inscricións no programa, con participación de balde

Valdoviño, 22 de setembro do 2026. O Concello de Valdoviño organizará este curso unha nova edición dos obradoiros de musicoterapia “Ponlle ritmo á vida” para veciños e veciñas a partir de 60 anos. Na aposta municipal pola descentralización das actividades e co ánimo de favorecer a asistencia das persoas maiores, as sesións levaranse a cabo en Aviño, Montefaro, Pantín, Sequeiro e Vilaboa. Trátase dun programa gratuíto para as persoas participantes, e o Concello conta co apoio da Deputación, que dirixe unha subvención de 7.000 euros para financiar parte dos 11.000 euros no que está orzamentado o programa.

Coa idea de comezar en outubro, as persoas interesadas en tomar parte poden reservar praza no departamento municipal de Servizos Sociais -planta baixa da casa consistorial- de luns a venres de 10 a 14 h, ou a través do teléfono 981 48 70 41 ext.5 ou correo servizos.sociais@concellodevaldovino.com.

Con este programa, o Concello contribúe á promoción dun envellecemento activo, favorecendo as relacións sociais e combatendo a soidade non desexada, ademais de traballar aspectos clave a través da música como a comunicación, a memoria, a motricidade ou a aprendizaxe. Sempre, dende unha perspectiva lúdica.

Os horarios dos obradoiros son os seguintes:

Sequeiro: luns de 16:00 a 17:30 h

Vilaboa: luns de 18:00 a 19:30 h

Aviño: xoves de 11:00 a 12:30

Montefaro: xoves de 16:00 a 17:30 h

Pantín: xoves de 18:00 a 19:30 h