O Concello de Valdoviño recepciona o campo de fútbol de herba artificial de Mourente

Na actuación investíronse máis de 300.000 euros, e tras un longo proceso, as instalacións situadas en Lago póñense a disposición dos clubs

Valdoviño, 9 de xuño de 2022. O Concello de Valdoviño recepcionaba esta mañá as obras do campo de fútbol de herba artificial de Mourente, en Lago. O alcalde, Alberto González, e os concelleiros de Deportes, Sergio Saavedra; Servizos, Germán Gómez, e Obras, Alejandro García, realizaban unha visita de fin de obra cos técnicos da Deputación provincial da Coruña, que cofinanciou a intervención, e o director de obra. Valdoviño estreará así o seu segundo campo de herba artificial, tras unha intervención non exenta de vicisitudes. Entre elas, a rescisión do contrato á empresa adxudicataria, o que obrigaba a sacar de novo a licitación a actuación nun farragoso proceso administrativo que se prolongou por espazo de 2 anos. 

Investíronse no campo máis de 300.000 euros, dos que uns 270.000 corresponderon aos traballos para habilitar o campo de fútbol de herba artificial, sistemas de rego, saneamento, construción de canalizacións e beirarrúas… e algo máis de 33.000 euros, á renovación dos sistemas de iluminación, substituíndose os 16 proxectores anteriores por 28 de diferentes tipos de tecnoloxía LED. Así mesmo, está en execución unha terceira intervención, de construción de 3 novos vestiarios no lateral das gradas cun investimento cercano aos 130.000 euros.

A actuación era unha necesidade, xa que o terreo de xogo presentaba graves deficiencias, xa dende a súa contrución, o que impedía un uso continuado. Unhas instalacións que agora poderán ser utilizadas polos clubes locais, fomentando especialmente as escolas de fútbol de base, tal e como sinala o alcalde. 

UN LONGO PROCESO

O Concello adxudicaba as obras en xaneiro de 2019, cun prazo de execución de 7 meses. Durante os 2 primeiros meses, completábase o movemento de terras e a instalación do sistema de rego e de saneamento, pero a partir de mediados de ano, a situación daba un xiro inesperado. Os incumprimentos de prazos e intervencións por parte da empresa foron constantes e os requerimentos realizados polo Concello, desatendidos. Iniciábase entón o trámite administrativo de rescisión de contrato, que se formalizaría en outubro de 2020. Unhas semanas despois, o Concello adxudicaba o contrato á segunda empresa coa mellor oferta presentada ao concurso aberto no seu día. Asumía esta compañía as tarefas pendentes: instalación e execución das beirarrúas perimetrais, a consolidación da base do terreo de xogo e a instalación do céspede artificial.