O Concello de Valdoviño propón unha nova ruta de sendeirismo por Pantín, Os Penidos e As Forcadas
A participación é gratuíta, con prazas limitadas e inscrición previa enviando un correo a deportes@concellodevaldovino.com
Valdoviño, 20 de abril do 2023. O Concello abre o prazo de inscrición nunha nova ruta por Valdoviño. Neste caso, de sendeirismo, circular por Pantín-Miradoiro dos Penidos-As Forcadas-Pantín. Celebrarase o domingo 30 de abril, con saída ás 10:00 horas das inmediacións de Casa Caneiro. Está dirixida a veciños e veciñas a partir de 14 anos. A participación é gratuíta, con prazas limitadas e inscrición previa enviando un correo a deportes@concellodevaldovino.com É preciso sinalar nome e apelidos, localidade de residencia -terán preferencia os e as empadroados/as- e teléfono de contacto, así como unha fotocopia do DNI (en arquivo adxunto). No caso de menores, deben ir acompañados/as dunha persoa adulta e contar con autorización. O prazo remata o xoves 27 ou unha vez se completen as prazas ofertadas.
O itinerario a cubrir, de dificultade baixa, é de 10 km, e a duración estimada, de 5 horas. Arranca cunha extraordinaria panorámica da praia de Vilarrube, e dende aí, plantéanos cubrir unha senda en plena natureza ata Os Penidos, un dos puntos máis altos do municipio e balcón privilexiado da costa ártabra, da serra da Capelada ou das Forcadas. A andaina continuará seguindo o curso da canle de abastecemento da central das Ferrerías. Para facela, é aconsellable acompañarse de auga, algo de froita, calzado de montaña, roupa adecuada, bastóns, gorra e mochila.
Unha vez máis, a ruta estará guiada pola firma Portal Norte, e contará coa colaboración da Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil.