O Concello de Valdoviño propón percorrer o municipio de norte a sur a través da Ruta Costeira
A Concellería de Cultura e Turismo organiza unha ruta guiada en 3 etapas entre Porto do Cabo, en Vilarrube, e Campelo, en Meirás
Valdoviño, 25 de marzo do 2026. De cara á Semana Santa, o Concello de Valdoviño propón a veciños/as e visitantes percorrer o municipio de norte a sur, dende Porto do Cabo, en Vilarrube, ata Campelo, en Meirás. Así, a Concellería de Cultura e Turismo organizará a Ruta Costeira, unha viaxe en tres etapas pola historia, a natureza e a identidade do territorio, apostando por un turismo de calidade, sostible e respectuoso. Serán preto de 40 km a cubrir nas xornadas do 3, 11 e 18 de abril, priorizando o paso por sendas naturais, camiños rurais, cantís e praias. Estará guiada pola firma Portal Norte, e a participación é de balde, con inscrición previa no whatsapp 648 87 77 80. O prazo para anotarse na primeira etapa, entre Porto do Cabo e o Miradoiro de San Xiao, ábrese hoxe, ata cubrir as 25 prazas ofertadas. Nas seguintes, abrirase uns días antes da súa celebración.
A ruta inaugural consta de 12 km, e partirá de Porto do Cabo o venres 3 de abril ás 10:00 h. Por diante, 4 horas de itinerario de dificultade media. Entre os principais actractivos do percorrido está a zona do Funil e Punta Chirlateira.
A segunda etapa, doutros 12 km, dificultade media e 3 h de duración, unirá o Miradoiro de San Xiao e a praia de Outeiro (conclúe no estacionamento do areal de Lago). Celebrarase o 11 de abril, con saída ás 10:00 horas, e entre os principais espazos de interese, atoparemos a praia e lagoa da Frouxeira.
E pechando a Ruta Costeira, o 18 de abril, terá lugar a terceira etapa entre a praia de Outeiro e a de Campelo. 12 km, dificultade media, saída ás 10:00 h, e tempo estimado de 4 horas. Entre os imperdibles da etapa está o Faro de Punta Frouxeira, a ermida da Virxe do Porto ou Pico da Vela.
En cada etapa trátase dun itinerario lineal, co que o regreso correrá por conta das persoas participantes.
