O Concello de Valdoviño propón este sábado unha ruta guiada pola Senda das Ondas

As persoas interesadas en tomar parte poden anotarse na Oficina Municipal de Turismo sita na Porta do Sol ou chamando ao 981 48 76 73

Valdoviño, 19 de xullo de 2022. O Concello de Valdoviño propón a veciños/as e visitantes realizar un percorrido pola Senda das Ondas. Un itinerario espectacular pola súa gran riqueza ambiental e paisaxística, con extraordinarias panorámicas da franxa litoral. As persoas participantes poderán cubrir parte deste itinerario, entre Marnela-Pantín e o Miradoiro do Paraño, a través da nova ruta guiada proposta no marco do programa «Valdoviño Mar». Celebrarase este sábado 23 de xullo a partir das 10:00 h. A participación é gratuíta, pero as prazas son limitadas, polo que se precisa de inscrición previa na Oficina Municipal de Turismo sita na Porta do Sol ou no teléfono 981 48 76 73. 

A ruta pola Senda das Ondas está dirixida a persoas de todas as idades -menores acompañados dunha persoa adulta-, é de dificultade baixa e duración estimada de dúas horas e media. 

«Valdoviño Mar» lévase a cabo co apoio económico do GALP A Mariña-Ortegal e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca.