O Concello de Valdoviño promove unha nova edición dos talleres de estimulación cognitiva para veciños de 65 anos en adiante

As sesións, que se desenvolverán no centro sociocomunitario de Valdoviño e no local social de Meirás, son gratuítas

Valdoviño, 8 de setembro do 2026. O Concello de Valdoviño activará en outubro unha nova edición dos talleres de estimulación cognitiva para veciños e veciñas empadroadas no municipio de 65 anos en adiante. A actividade é gratuíta, e contará con sesións semanais no local social de Meirás, os xoves ás 9:30 horas, e no centro sociocomuntiario, o mesmo día ás 11:00 e ás 12:00 horas.

A preinscrición pode formalizarse a partir de hoxe, e ata o día 18 deste mes, presencialmente na casa da cultura ou a través da sede electrónica.

O animador sociocultural do Concello, Daniel Cartelle, ponse ao fronte desta actividade na que, de modo didáctico e lúdico, se traballa a memoria, a percepción, a atención, a concentración, a linguaxe e as funcións executivas como a resolución de problemas, razoamento, planificación e control.