O Concello de Valdoviño promove un Curso de Dixitalización gratuíto para persoas maiores de 60

Consta de 5 sesións, en xuño e xullo, e celebrarase no local social de Aviño e no centro sociocomunitario de Valdoviño

Valdoviño, 19 de xuño do 2026. O Concello de Valdoviño organizará nas próximas semanas o Curso de Dixitalización dirixido a persoas maiores de 60 anos empadroadas na localidade. Celebrarase os días 29 de xuño e máis 6, 13, 20 e 27 de xullo, no local social de Aviño (de 9:30 a 11:00 horas) e no centro sociocomunitario de Valdoviño (de 11:15 a 12:45 horas). A participación é gratuíta, con prazas limitadas e inscricións ata o xoves 25 de xuño no departamento municipal de Servizos Sociais (pranta baixa da casa consistorial ou teléfono 981 48 70 41 ext.5).

A concelleira de área, Rosana García, avanzou que nas sesións traballaranse cuestións prácticas como:

  • O xeito de sacarlle o máximo partido ao teléfono móbil (WhatsApp, videochamadas, GPS e localización, descarga de aplicacións, conexión a redes wifi ou organización de contactos e fotografías)
  • O uso de caixeiros automáticos mediante simulador (retirada de efectivo, transferencias, pagamento de recibos ou operacións habituais con seguridade)
  • A realización de xestións sanitarias (App do Sergas, máquinas de quendas dos hospitais, trámites e consultas frecuentes ou obtención e uso da Chave365)

Deste xeito, o Concello busca mellorar a formación das persoas maiores de cara a reforzar a súa autonomía na vida diaria, facilitar a conexión social e familiar ou blindar a súa seguridade dixital.

A acción conta co financiamento da Consellería de Política Social.