O Concello de Valdoviño promove 2 saídas polo litoral no marco do proxecto “Ondas de Sabor”
Celebraranse os sábados 19 e 26 de outubro, con participación gratuíta e inscrición previa no teléfono 648 87 77 80
Valdoviño, 15 de outubro do 2024. No marco do proxecto «Ondas de Sabor», o Concello de Valdoviño organiza dúas saídas polo litoral os dous últimos sábados deste mes de outubro, centradas na súa costa e principais recursos. O obxectivo é dar a coñecer o patrimonio marítimo desta zona da Costa Ártabra, incidindo na concienciación ambiental, a dignificación dos oficios do mar e a promoción de produtos de proximidade como medio para obter un estilo de vida saudable. A participación é gratuíta, con inscrición previa no teléfono 648 87 77 80.
Estas saídas, de dificultade baixa e aptas para todos os públicos, terán unha duración aproximada de entre dúas horas e media e tres horas. Nos dous casos partirán ás 10 horas do aparcadoiro da praia do Río de Meirás, sendo preciso levar roupa cómoda e algo para beber. Esta actividade inclúe guía titulado e seguro de accidentes.
No transcurso das mesmas, daranse a coñecer as oportunidades do sector e as problemáticas como a falta de relevo e a emerxencia climática, buscando o fomento do consumo de produtos mariños e a complicidade na protección do medio e o comportamento responsable, de cara á biodiversidade do territorio. Con este enfoque integrado do proxecto, trátase ademais de romper cos estereotipos que perpetúan unha imaxe de dificultades e de precariedade que afecta á falta de relevo e deriva no desinterese da poboación en xeral e da mocidade en particular á hora de achegarse ao sector como unha opción de vida.
«Ondas de sabor: Promoción do consumo de percebe e bivalvos de Valdoviño» é un proxecto impulsado polo Concello de Valdoviño para a obtención das axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través do GALP A Mariña – Ortegal na convocatoria 2023.