O Concello de Valdoviño programa sesións de cine ao aire libre en Vilarrube e Sequeiro

Este xoves proxectarase a comedia galega “Amigos ata a morte”, e o xoves 11, terá lugar o pase do filme de animación “Momias”

Valdoviño, 2 de xullo de 2024. O Concello de Valdoviño volverá programar sesións de cine ao aire libre neste mes de xullo. A carteleira deseñada polo departamento municipal de Cultura inclúe a película «Amigos ata a morte» e o filme de animación «Momias», e un ano máis, aposta por sacar a programación fóra da casa da cultura coa elección de escenarios alternativos.

A primeira proxección celebrarase este mesmo xoves 4 de xullo na pista anexa á escola unitaria de Vilarrube. Co apoio da Rede Cultural da Deputación, a partir das 23:00 horas, terá lugar o pase da comedia galega «Amigos ata a morte», dirixida a un público maior de 12 anos. Javier Veiga debuta na dirección con esta cinta, que leva á gran pantalla a obra de teatro homónima coa que o actor, autor e director vén recollendo éxitos dende hai máis dunha década. Trátase dunha comedia romática con tres personaxes -xunto a Veiga, Mauricio Ochman e Marta Hazas, que rondan os 40 e que, ao longo da súa vida, compartiron bos e malos momentos. Coa chegada da mediana idade, deben afrontar a morte dun deles a causa dunha enfermidade terminal.

A próxima semana, o xoves 11, o cine trasládase ao campo da festa de San Bartolo, onde a partir das 22:30 horas, se proxectará a película de animación «Momias». O filme de aventuras dirixido por Juan Jesús García Galocha vén avalado polo éxito de crítica e público dende a súa estrea este mesmo ano, e nos pasados premios Goya obtiña unha nominación como mellor película de animación.