O Concello de Valdoviño programa rutas guiadas polo litoral para coñecer os seus recursos e o oficio dos mariscadores locais
Inscrición aberta no programa, incluido no proxecto “Valdoviño Mar”
O Concello de Valdoviño organiza nos meses de xullo e agosto rutas guiadas para descubrir a paisaxe litoral do municipio e coñecer de preto as actividades extractivas vencelladas ao mar. Son completamente gratuítas e a inscrición está aberta para participar nelas. A primeira, a Ruta do banco marisqueiro de Vilarrube, terá lugar o sábado 24 de xullo ás 10,30 horas, cunha duración estimada de entre 3 e 4 horas. As persoas interesadas en tomar parte poden anotarse dende xa na Oficina Municipal de Turismo, no teléfono 981 195 274 ou email turismo@concellodevaldovino.com. Tamén hai a opción de cubrir e enviar o formulario a través da web municipal no seguinte enlace . As prazas están limitadas a 20 por ruta e abertas a persoas adultas e menores (sempre neste caso acompañados/as dunha persoa adulta).
O calendario continuará o 7 de agosto, coa Ruta dos Percebeiros de Meirás, e o 22 de agosto, coa Ruta na Senda das Ondas.
Deste xeito, e como explica o alcalde, Alberto González, as persoas inscritas poderán apreciar a variedade de elementos que forman a costa do concello, incluíndo aqueles relacionados co proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal, e coñecerán cales son os oficios relacionados coa actividade extractiva no mar neste territorio, así como os colectivos profesionais locais.
O programa de rutas inclúese no proxecto “Valdoviño Mar. Futuro a toda cosa”, e está financiado co Fondo Europeo e Marítimo de Pesca, a través do GALP A Mariña Ortegal. Inclúe accións relacionadas coa difusión e posta en valor da contorna litoral, como estas rutas, as actividades con escolares do pasado curso, ou a elaboración dunha exposición itinerante sobre aspectos da paisaxe costeira do territorio. Ademais, no eido do proxecto ofrecerase asesoramento ao sector do marisqueo para a posta en marcha de novos proxectos, así como para a busca de liñas de financiamento para novas liñas de negocio ou para adquirir novos equipamentos de utilidade no desenvolvemento da actividade.