O Concello de Valdoviño procederá ao peche dos accesos ao Faro da Frouxeira este sábado

O alcalde, Alberto González, vén de asinar un bando no que se establece a prohibición do baño e dos deportes acuáticos ante a previsión de alerta vermella na costa

Ante a alerta vermella prevista para mañá na costa, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, vén de asinar un bando municipal no que informa de que este sábado procederase ao peche dos accesos ao Faro da Frouxeira, polo que queda prohibida a presenza de persoas non autorizadas neste espazo.

A Axencia Estatal de Meteroloxía (AEMET) alerta dun fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel vermello por mar combinado de 8 a 9 metros e ventos de forza 7 a 8 para mañá sábado.

Ante esta situación, prohíbese tamén o baño así como a realización de actividades ou deportes acuáticos ou vencellados á costa e, con carácter xeral, recoméndase non achegarse ás zonas de costa.