O Concello de Valdoviño prevé habilitar un centro de día coa construción da terceira fase das obras do centro sociocomunitario

O pleno deu luz verde á contratación dunha operación de crédito por 1,2 millóns para financiar esta e outras intervencións, como a expropiación do Siroco ou a ampliación da rede de abastecemento de auga a Pantín e Vilarrube

O Concello de Valdoviño daba esta semana o primeiro paso para facer realidade algúns proxectos clave que marcarán o futuro do municipio. O alcalde, Alberto González, informaba da aprobación en pleno, sen ningún voto en contra, da concesión dun crédito por parte de Abanca de 1,2 millóns de euros para financiar estes importantes investimentos de carácter social, económico e urbanístico. Entre eles, dotar a Valdoviño do que será o seu  primeiro Centro de Día para persoas maiores. Materializarase a través da construción da terceira fase do novo centro sociocomunitario. A segunda planta  proyectada do inmoble albergará este uso, xunto co formativo, posto que se prevé habilitar tamén aulas de formación homologadas para a impartición de cursos. Será así un auténtico Edificio Social para a veciñanza, do que ata hoxe carecía.

Doutra banda, eses fondos permitirán dotar á parroquia de Pantín do servizo de abastecemento de auga, nunha intervención que o Concello prevé conveniar coa  Xunta de Galicia, participando esta tamén na financiación. Ampliarase así á  parroquia un servizo básico para a cidadanía. A mesma intervención se proxecta  para a parroquia de Vilarrube, tras a conclusión da prevista en Pantín.

A partida inclúe tamén a adquisición de terreos para a ampliación do espazo  educativo do CPI Atios. Unha actuación en carteira na que o Concello traballa coa  Consellería de Educación.

Igualmente, os fondos cubrirán a expropiación do Siroco, hoxe en ruínas. Unha iniciativa que tamén contemplaría a intervención na zona, favorecendo a conexión peatonal entre a estrada de baixada á praia da Frouxeira e máis o paseo.

E sen abandoar a adquisición de terreos, cos fondos levaríase a cabo esta operación en Sequeiro, coa compra dunha serie de propiedades ao Instituto da  Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED), hoxe en  negociacións.

Cofinanciar a reforma da fachada do centro de saúde é outra das accións  previstas a executar cos fondos. Obras xa comprometidas coa Delegación  Territorial da Xunta na Coruña.

E, finalmente, o crédito facilitaría tamén os fondos necesarios para levar a cabo  diferentes intervencións de mellora nos aparcadoiros sitos nas inmediacións das  praias do municipio.