O Concello de Valdoviño pon en marcha o programa de compostaxe doméstico
O alcalde, Alberto González, informa de que a veciñanza pode, dende hoxe, solicitar a súa participación na iniciativa, a través da cal se entregarán os medios necesarios para a elaboración de compost
Valdoviño, 28 de novembro do 2022. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, avanzou esta mañá a posta en marcha dunha campaña de compostaxe doméstico coa que facilitar os medios necesarios á veciñanza para transformar os restos orgánicos que produce nas súa vivendas en compost que despois pode aproveitar como fertilizante para xardíns, hortas e campos de cultivo. Para iso, abre hoxe o prazo de adhesión ao programa. É tan sinxelo como cubrir dende a web municipal o seguinte formulario online: https://cutt.ly/f1ejDNQ e, para aqueles veciños e veciñas que o prefiran, tamén poden achegarse ata a casa consistorial, onde na primeira planta se lles axudará a tramitar a inscrición.
Así, e por riguroso orde, o Concello entregará fogar por fogar un kit integrado por un composteiro con capacidade para 400 litros, un aireador, unha reixa antiroedores e máis un manual de compostaxe. Ademais, persoal técnico dará as instrucións sobre o seu uso e o proceso, resolvendo aquelas dúbidas que poidan xurdir entre os e as usuarios. Nesta primeira fase, e antes de rematar o ano, prevese achegar o programa a uns 70 domicilios da zona rural do municipio. Así mesmo, a medida que avancen as semanas, ese mesmo persoal técnico realizará visitas aos fogares adheridos para comprobar a implantación do proceso, e ofrecer apoio e asesoramento personalizado.
O Concello de Valdoviño leva a cabo a iniciativa co apoio económico da Consellería de Medio Ambiente a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado cos fondos europeos Next Generation.