O Concello de Valdoviño pechará este mércores a estrada de acceso ao Faro de Meirás ante a alerta vermella no mar

A medida estará vixente a partir do mediodía de mañá, e ata que o nivel de alerta non se rebaixe a laranxa na costa

Valdoviño, 20 de xaneiro do 2026. O Concello de Valdoviño pechará ao tráfico a estrada de acceso ao Faro de Meirás este mércores ao mediodía. A medida adóptase, como é habitual, ante a previsión do empeoramento do temporal no mar, que obrigará a elevar de laranxa a vermello o nivel de alerta. No seu último boletín, a Axencia Estatal de Meteoroloxía sinala que a situación agravarase a partir das últimas horas da tarde de mañá, e a restricción ao tránsito estará vixente namentres se manteña a alerta vermella.

Con esta decisión o Concello extrema as medidas de precaución co fin de previr accidentes na zona, especialmente perigosa coas condicións do mar que se agardan: mar combinada de 8 a 9 m, e ventos do Noroeste de 50 a 61 km. Así mesmo, o Concello fai un chamamento á poboación para evitar achegarse á zona de costa e cumprir en todo momento as recomendacións do 112. Entre outras, afastarse de paseos marítimos, rompentes, praias e cantís, respectar os cordóns de seguridade e as indicacións dos axentes, e non parar nunca a tomar fotografías. Ademais, queda prohibido o baño e a práctica de deportes náuticos namentres se manteña a alerta vermella.