O Concello de Valdoviño pechará esta mañá a estrada de acceso ao Faro de Meirás ante a activación da alerta vermella no mar

Estará vixente entre as 12:00 horas de hoxe e as 9:00 horas de mañá sábado, cando se prevé mellore a situación na costa

Valdoviño, 23 de febreiro de 2024. O Concello de Valdoviño pechará esta mañá ao tráfico a estrada de acceso ao Faro de Meirás. A medida adóptase, como é habitual, ante a previsión do empeoramento do temporal no mar, que obrigará a elevar de laranxa a vermello o nivel de alerta. No seu último boletín, a Axencia Estatal de Meteoroloxía sinala que a situación agravarase a partir deste mediodía, co que o corte será efectivo sobre as 12:00 horas, e ata as 9:00 horas de mañá sábado, cando as previsións apuntan a unha mellora das condicións no mar.

Con esta decisión o concello extrema as medidas de precaución co fin de previr accidentes nunha zona de acantilados, especialmente perigosa coas condicións do mar que se esperan: mar combinado do noroeste con ondas de 8 a 9 metros. Ao tempo, desde o goberno local recoméndase á poboación en xeral que evite achegarse á zona de costa e que cumpra as recomendacións do 112. Entre outras, afastarse de paseos marítimos, rompentes, praias e cantís, respectar os cordóns de seguridade e as indicacións dos axentes, e non parar nunca a tomar fotografías. Ademais, queda prohibido o baño e a práctica de deportes náuticos namentras se manteña a alerta vermella.