O Concello de Valdoviño logra a concesión da batería de Campelo

Cumple así o obxectivo de facerse coa propiedade para estar en condicións de comezar a traballar na revalorización deste espazo histórico

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello vén de lograr a concesión da batería de costa de Campelo. Un obxectivo no que traballa dende 2018, cando inicia as negociacións co Ministerio de Defensa. Nesta liña, o rexidor quixo agradecer a boa predisposición da Secretaría de Estado de Defensa, e especialmente o último impulso dado á tramitación neste primeiro trimestre de ano. 

Alberto González apunta que ao facerse coa propiedade deste ben afectado por Defensa o Concello está en condicións de comezar a traballar na revalorización deste espazo histórico co obxectivo de deter a súa degradación e poñelo a disposición da sociedade para o seu coñecemento e desfrute, fomentando os seus usos culturais, sociais e educativos vencellados ao medio ambiente. 

O acordo establece unha cesión por 25 anos ampliable, e contempla a posibilidade de que o Concello se faga coa propiedade no primeiro ano. A cambio, a Administración local comprométese a actuar na valorización deste antigo equipamento militar. Ao amparo desta relación de colaboración mutua, ambas partes crearán unha comisión mixta de seguemento. 

A cesión de uso esténdese a todos os terreos e instalacións da propiedade, o que inclúe o antigo edificio de acuartelamento amáis das pequenas edificacións existentes. No seu conxunto, unha extensión superior aos 600.000 metros cadrados.

Nese obxectivo de revalorización, o alcalde tamén destaca a necesaria implicación da Xunta, a lo menos á hora de autorizar as intervencións, xa que a maior parte da zona atópase tamén baixo protección da Rede Natura 2000.