O Concello de Valdoviño leva este venres aos pés do Faro de Meirás o espectáculo “Costa da Morte. Cartografía dun naufraxio”
A representación da peza, interpretada por Mariña Lestón, inclúese no ciclo municipal “Ven o Venres”, e arrincará ás 22:00 h con entrada libre
Valdoviño, 10 de xuño do 2025. O programa municipal de teatro «Ven o Venres» sairá esta semana do auditorio da casa da cultura para propoñernos unha experiencia sensorial e emocional única na contorna do Faro de Meirás. É o escenario elixido pola Concellería de Cultura que dirixe Rosana García para a representación da peza «Costa da Morte. Cartografía dun naufraxio». A función terá lugar este venres 13 de xuño, ás 22:00 horas.
A obra, escrita, producida e interpretada por Mariña Lestón, convídanos a realizar unha viaxe pola historia do noso mar a través de relatos reais e cantigas populares interpretadas en directo. Historias sobre naufraxios na Costa da Morte para lembrar ás persoas que xa non están, e para poñer en valor e visibilizar ás que quedaron en terra: as viúvas, as orfas, as que socorreron… Para que as súas historias non caian no esquecemento.
Con esta obra, o Concello de Valdoviño pon o broche de ouro ao ciclo municipal de teatro «Ven o Venres», que se despide ata a próxima tempada, xa polo mes de outubro. Un proxecto que Cultura programa cada segundo venres de mes para un público adulto, e que este curso trouxo a Valdoviño, entre outras propostas, os espectáculos «Invisibles» de Redrum Teatro; Ragazzo de Barrosanta, ou «Retrincos de Castelao» da compañía Artefeito.
