O Concello de Valdoviño lanza unha nova convocatoria para a contratación de socorristas

O servizo arrancaba con 16 efectivos contratados a través do Servizo Público de Emprego, sistema que establece a Xunta para optar á axuda autonómica, e agora tentarase aumentar plantilla cunha contratación directa

Valdoviño, 8 de xullo de 2024. Tal e como avanzara o alcalde, Alberto González, tras a entrada en servizo do servizo de socorrismo e salvamento nas praias o pasado 1 de xullo, o Concello de Valdoviño non desiste no seu empeño de aumentar a plantilla e alcanzar a trintena de efectivos. Con esa intención, a Administración local lanza un novo proceso selectivo, neste caso a través dunha contratación directa, e o Boletín Oficial da Provincia publicaba hoxe a convocatoria e bases. As persoas interesadas en optar ao procedemento poderán presentar a súa solicitude no rexistro xeral ou a través da sede electrónica a partir de mañá, martes 9 de xullo, por espazo de 5 días naturais. O sistema de selección consistirá nunha proba física de carácter obrigatorio e eliminatorio.

A intención do Concello é reforzar o servizo, que se iniciaba o pasado 1 de xullo con 16 socorristas e a candidatura doutros 4 pendentes da realización das citadas probas físicas. Esas contratacións realizáronse a través das candidaturas que remite o Servizo Público de Emprego, sistema que establece a Xunta para a concesión da axuda autonómica que, cada ano, solicita o Concello. Xa que non foi posible cubrir as 34 prazas que demandaba a Administración local, recúrrese agora á contratación directa, a sufragar con fondos propios.

A día de hoxe, a plantilla actual permite dar cobertura ás praias da Frouxeira, Pantín, O Río, Baleo e Vilarrube, en horario de 12:00 a 20:00 horas.

BASES