O Concello de Valdoviño interpón un recurso contra a autorización administrativa previa do parque eólico Badulaque

Pide a paralización do expediente, e asenta o seu rexeitamento na aprobación da modificación urbanística coa delimitación de novos núcleos rurais que vetan a instalación de pas a menos de 500 m
Valdoviño, 12 de maio do 2023. Hai uns días, coincidindo coa publicación no BOE da resolución da Dirección General de Política Energética coa autorización administrativa previa a Enel Green Power España para o parque eólico Badulaque, o Concello de Valdoviño avanzaba novas medidas para tentar paralizar a tramitación, e esta mañá informaba da presentación dun recurso de alzada contra a autorización. Rexistrado ante a Secretaría de Estado de Enerxía no día de onte, solicita a paralización do expediente.
O Concello basea o seu rexeitamento na modificación urbanística aprobada coa declaración de novos núcleos rurais e que, na práctica, veta a instalación de aeroxeneradores a menos de 500 metros. Un cambio substancial no planeamento que a compañía ignorou na súa documentación, a pesares de que o Concello lle daba traslado, tanto a petición dun informe certificado sobre a clasificación do solo preceptivo para a tramitación, como a través das propias alegacións rexistradas pola Administración local.