O Concello de Valdoviño instala contedores para o depósito de roupa en Lago, Meirás, Vilaboa e Vilarrube

A empresa que xestionará os residuos colaborará cos Servizos Sociais municipais entregándolle, segundo as necesidades, roupa para as familias en risco de exclusión social

Valdoviño, 24 de febreiro de 2022. O Concello de Valdoviño vén de instalar contedores para o depósito de roupa e calzado usados por parte da veciñanza. Están situados no aparcadoiro da cooperativa de Lago; no párking da cooperativa de Meirás e nas inmediacións do edificio da sección de crédito desta entidade; na contorna da estación de servizo da cooperativa de Vilaboa, e xunto ao estacionamento do local social de Vilarrube. Así mesmo, en datas próximas, procederase á colocación de novos colectores na Carreira, Loira e Porto do Cabo. 

A firma Texlimca será a encargada de xestionar os residuos e colaborar como contrapartida cos Servizos Sociais municipais. Así, cando o departamento detecte a necesidade de prendas para familias con escasos recursos contactará coa empresa e esta deberá subministrarlle a roupa requerida. Unha contrapartida que redundará naqueles veciños e veciñas que máis o precisen. 

Cada contedor ten unha capacidade para 250 quilogramos e a recollida realizarase unha vez á semana -dúas no cambio de estación-. Así mesmo, Texlimca pon a disposición da veciñanza un número de teléfono para comunicar calquera incidencia no servizo: 982 107 529. 

TEXLIMCA

É unha empresa fundada en 1945 na que destaca o seu compromiso coa industria textil, a economía circular e que busca ser unha firma de referencia en solucións integradas no residuo textil.