O Concello de Valdoviño inicia as obras de acondicionamento de 20 pistas e camiños cun investimento duns 211.000 euros

Os traballos arrancaron esta semana na pista entre O Adro e a Capela da Fame, en Vilarrube

Valdoviño, 6 de xullo do 2023. O novo concelleiro de Infraestruturas Viarias, Germán Gómez, supervisaba esta semana o inicio das obras de acondicionamento do vial entre lugar de O Adro e a Capela da Fame, en Vilarrube. Trátase da primeira das intervencións previstas en 20 camiños e pistas da rede viaria municipal. Arrancan así as obras, despois de múltiples retrasos derivados do proceso de contratación. Segundo explicou Germán Gómez, adxudicáranse inicialmente a Excavaciones Saavedra y López SL, que renunciaba ao contrato, obrigando así ao Concello a volver a licitar os traballos. Nese segundo procedemento, a empresa Mantiñán presentaba a mellor oferta e encargábase finalmente das tarefas.

O edil engade que o Concello investirá algo máis de 211.000 euros no conxunto das obras, con cargo aos plans provinciais.

Así, ao longo das vindeiras semanas os traballos continuarán nos camiños e pistas de Viansil  (parroquia de Lago); Latoal e Lousada (Loira); Taraza e Tuimil (Meirás); Xavariz, Moreira e Cadaval (Pantín); A Bedoxa, Preitela e Monetes (Sequeiro); Boeiro, O Muíño, Aviño e rúa Imeldo Corral (Valdoviño); A Vispeira (Vilaboa), e Vilela e Pena (Vilarrube).