A denominación e numeración do rueiro do casco urbano pasa a exposición pública

Tras a aprobación en pleno, o Boletín Oficial da Provincia publica o acordo para sometelo a consulta e alegacións por parte da veciñanza

O Concello de Valdoviño informa da publicación no Boletín Oficial da Provincia no día de hoxe do acordo aprobado para a incorporación das rúas do casco urbano e os seus números ao sistema integrado de numeración do municipio. Un acordo aprobado no pleno ordinario celebrado o pasado 14 de xaneiro que agora pasa a información pública por espazo de 20 días, a contar a partir de mañá sábado co obxecto de que calquera persoa física ou xurídica poida examinar o expediente e formular cantas alegacións, suxestións ou reclamacións teña por convinte. 

Superada esta fase, o alcalde, Alberto González, explica que o Concello estaría en condicións de remitir a proposta ao Instituto Nacional de Estatística para a súa tramitación definitiva. Sería a culminación dun longo proceso que permitirá aos veciños e veciñas contar cunha numeración que facilite na práctica trámites tan cotiás como a recepción dos envíos postais ou a tramitación de documentación administrativa. Así mesmo, explicou que a proposta aprobada axústase á toponimia actual, adaptada á tradición oral que impera na maior parte da localidade.