O Concello de Valdoviño incorpórase á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

A adhesión fíxose efectiva coa publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio asinado entre a Xunta e a Administración local

Valdoviño, 27 de setembro do 2022. O Concello de Valdoviño vén de incorporarse á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). Un proceso que se iniciaba coa aprobación en pleno da adhesión, que continuaba despois coa sinatura do convenio de colaboración entre Concello e Xunta, e que agora entra en vigor coa publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia. 

Deste xeito, o Concello delega na axencia autonómica o exercicio das competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística establecidas na Lei do Solo de Galicia en relación coas obras e usos do solo que se executen sen licenza urbanística ou sen axustarse ás súas condicións, sempre que estean situadas en solo rústico ou non urbanizable; solo urbanizable ou apto para urbanizar, mentras non sexa aprobado o correspondente planeamento de desenvolvemento, e núcleos rurais delimitados no planeamento urbanístico municipal. 

En todo caso, nesta delegación de competencias non está incluída a reposición da legalidade nin a potestade sancionadora en relación coas obras completamente rematadas antes da publicación do convenio -o pasado 7 de setembro-, que serán exercidas polo Concello. Ademais, a resolución dos recursos administrativos interpostos contra os actos ditados pola Axencia, en exercicio de competencias delegadas, corresponderalle igualmente a Axencia, logo do informe do Concello, que deberá emitirse no prazo máximo dun mes. Transcorrido este, continuarase coa tramitación do recurso. 

Coa adhesión, o Concello comprométese a cooperar coa Axencia para o exercicio das súas competencias e facilitarlle o acceso inmediato aos expedientes de planeamento, xestión e disciplina urbanística, así como canta información e documentación se lle solicite. Tamén a participación da Policía Local para facilitar as inspeccións, entre outras.