O Concello de Valdoviño incorpora 37 novos núcleos rurais permitindo a máis de 500 propietarios edificar nas súas propiedades

O alcalde, Alberto González, destaca que a medida, na que o Concello traballa dende 2018, facilitará o crecemento urbanístico do Concello

Valdoviño, 13 de xaneiro do 2026. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informaba esta mañá da aprobación definitiva da delimitación de 37 novos núcleos rurais, que pasan agora de 53 a 90. Na práctica, a medida, na que o Concello leva traballando anos xunto á Deputación, cuxos servizos técnicos se encargaron da redacción, permite aumentar substancialmente a superficie edificable, e beneficiará a máis de 500 propietarios das oito parroquias do municipio. O Boletín Oficial da Provincia publicaba hoxe a modificación puntual nº14 das normas subsidiarias de planeamento para a delimitación de solo de núcleo rural, completando un proceso administrativo iniciado en 2018. Nesta liña, o rexedor sinala que a medida facilitará o crecemento urbanístico do Concello, poñendo a disposición dos veciños e veciñas os seus terreos para establecerse no seu municipio. Ademais, a delimitación destes novos núcleos incorporarase ao Plan de Urbanismo, na súa recta final, e evitará a suspensión da tramitación de licenzas unha vez se inicie a fase de aprobación inicial.

Os novos núcleos rurais son os seguintes:

Lago: A Bouza da Cabra-Soutullo, Preitela-O Penido, Viansil, O Vilar de Lago

Valdoviño: Bacorelle, A Cachaveira, Chamoro, A Costeira-Gonzalvite, A Mourela, O Portodoso, A Rocha

Pantín: A Ramalleira, O Xestal

Vilarrube: O Castro-A Escola, As Ferrerías, As Folgueiras, Liñeiro, O Puntal, Quengo

Loira: Candaíl, Crecente, Loiravella, Os Martices, A Rañoa

Vilaboa: Os Bidueiros, O Camiño Grande, O Caneiro, A Carbeira, Pena do Boi, San Pedro, O Seixidal, A Vilaxe, Vilela

Meirás: A Cubeta, O Amedo

Sequeiro: O Seixidal

O proceso de delimitación de novos núcleos iniciábase en 2018, cando a proposta do Concello, a Xunta de Galicia incorpora no Plan Básico Autonómico unha serie de asentamentos de poboación susceptibles de delimitarse como núcleos rurais, ampliando deste xeito a capacidade para edificar nestes espazos. En 2021, o pleno aprobaba por unanimidade esta medida, que tras pasar por exposición pública, recibía tan só 28 alegacións.

En febreiro de 2023, o proxecto regresaba a pleno para a súa aprobación provisional, que saía adiante cos votos de PSOE e BNG e en contra do PP. O Concello trasladaba entón o expediente á Xunta de Galicia, que respondía formalmente en agosto de 2025 solicitando algúns cambios non substanciais, o que obrigaba a levar de novo o documento a pleno. En outubro de 2025 a corporación volvía dar o visto bo á aprobación provisional, neste caso, cos votos de PSOE e BNG e a abstención do PP, e regresaba de novo á Xunta para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, inscrición en rexistro e, finalmente, publicación no BOP por parte do Concello.