O Concello de Valdoviño incorpora 2 novos socorristas á praia do Río, en Meirás

O servizo de salvamento estará operativo polas tardes, de 15:30 a 19:30 horas, e mantense o servizo de prevención e primeiros auxilios

Valdoviño, 18 de xullo do 2023. O Concello de Valdoviño formalizou a contratación de 2 novos socorristas, que se suman aos 9 que dende primeiros de xullo permiten ofrecer o servizo de salvamento nas praias da Frouxeira e de Pantín. Coa súa incorporación a Administración local poderá ampliar ese servizo á praia do Río, en Meirás, en horario de tarde, de 15:30 a 19:30 horas. Ademais, continuará o persoal adscrito ao areal para labores de prevención e primeiros auxilios.

En todo caso, o Concello mantén abertas as vías de contratación para incorporar novos socorristas e cubrir así as 33 prazas que se consideran necesarias para ofrecer o servizo de salvamento nos areais do municipio. Dunha banda, recepcionando as candidaturas de persoal procedente das oficinas públicas de emprego; doutra, a través da bolsa de emprego creada pola Administración local, e finalmente, mediante as xestións con empresas para formalizar novos contratos.