O Concello de Valdoviño homenaxeará a Ana María Bouza García no Día da Muller
O acto terá lugar este sábado ás 18 horas na Casa da Cultura
Valdoviño, 6 de marzo do 2023. Leva máis de 30 anos, dentro e fóra de cargos directivos, traballando no movemento asociativo, dinamizando a actividade sociocultural da parroquia. Foi unha das artífices da creación do grupo de teatro feminino do Centro Cultural Rosalía de Vilaboa, xerme da agrupación teatral interxeracional creada a posteriori. Autora de cada unha das historias que máis tarde representarían sobre o escenario. Nai de dous fillos e avoa de tres netos, e sobre todo, unha persoa volcada coa comunidade, sempre coa man tendida aos demais, Ana María Bouza García será este sábado 11 de marzo a muller homenaxeada no Día da Muller. Un acto aberto á veciñanza que comezará ás 18:00 horas na Casa da Cultura.
Un rostro coñecido pola súa implicación no día a día do municipio, e agora tamén recoñecido institucionalmente nun acto sen grandes artificios no que a palabra será a gran protagonista. A palabra e a música, xa que no transcurso do mesmo Cristian Leggiero e Paty Lesta regresarán a Valdoviño para ofrecer o concerto de piano e voz «Con nome de muller».