O Concello de Valdoviño habilitará no Abanca Pantín Classic Galicia Pro un espazo de exposición e venda para os artesáns locais
Convida aos negocios locais interesados na iniciativa a participar nunha xuntanza de traballo o próximo 11 de agosto na casa consistorial
Valdoviño, 6 de agosto do 2025. O Abanca Pantín Classic Galicia Pro constitúe un dos grandes escaparates turísticos para Valdoviño, e este ano, o Concello quere que tamén o sexa para os artesáns e artesás locais. Así, de acordo coa organización do campionato mundial de surf, a cita reservará un espazo no village para a exposición e venda dos seus produtos. Nesta liña, a Concellería de Cultura e Turismo que dirixe Rosana García, convida a aqueles que estean interesados en contar con presenza nel a participar nunha xuntanza de traballo o próximo luns 11 de agosto, ás 19:30 horas, na casa consistorial. Non é necesario inscrición previa, tan só acudir ese día e nese horario.
O Abanca Pantín Classic Galicia Pro celebrarase do 23 ao 31 de agosto. Alcanzará este ano a súa 38ª edición, e como xa é habitual, o evento trascende o meramente deportivo, incluíndo numerosas actividades na súa programación que transcorren de forma paralela (gastronomía, medioambiente, actuacións musicais…), o que supón un atractivo máis para os seus case que 100.000 visitantes por edición.
