O Concello de Valdoviño habilita unha rede de espazos de arte urbana libre

A contorna da Casa da Cultura estrea o primeiro mural do proxecto, obra de dous mozos do municipio

O muro exterior da Casa da Cultura loce desde esta semana diferente. Dous veciños do municipio transformaron o que ata o de agora era unha aburrida parede gris. Un graffiti enche de cor un dos espazos de arte urbana libre que o Concello vén de pór a disposición dos artistas para que materialicen as súas creación.

A Concellería de Cultura acollía con interese a proposta formulada por un grupo de mozos de poder contar na localidade con lugares para o arte na rúa. E así, tras avaliar as posibilidades existentes, decidía reservar tres muros para este fin, poñéndoos a disposición de calquera persoa que desexe manifestar as súas inquedanzas artísticas nun ámbito público.

Os primeiros espazos incluídos dentro deste proxecto de arte urbana, e sinalizados coa súa correspondente placa, sitúanse na contorna da Casa da Cultura e mais no campo de fútbol contiguo ao CPI Atios, no que xa traballan tamén un grupo de persoas. E vista a demanda, o departamento municipal baralla xa habilitar novos lugares.

Os autores do primeiro mural xurdido neste proxecto son os valdoviñeses Enrique Martínez e Martín Núñez, este último estudante de Belas Artes. Coa súa obra, o debuxo e a cor continúan gañando terreo nos sitios públicos de Valdoviño. De feito, o consistorio impulsaba fai un tempo un obradoiro de graffiti, guiado pola ilustradora Nana, para crear un mural urbano sobre o surf e a flora e fauna marítima nunha das casetas de aseos do paseo da Frouxeira. E de forma máis recente, a artista local Blanca Escrigas firmaba un mural na Oficina de turismo municipal.