O Concello de Valdoviño habilita de novo os teléfonos de axuda fronte á covid-19

Búscase dar resposta ás necesidades das persoas maiores, das que viven soas e das que se atopan nunha situación de vulnerabilidade

Dada a evolución da situación respecto á covid-19 e o aumento de casos, o alcalde, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello decidiu retomar dende xa os números de teléfono 695 096 198 e 628 711 080 para atender as consultas e necesidades das veciñas e veciños maiores, daquelas persoas que viven soas e daquelas outras que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade.

Así, a través destas liñas telefónicas, o Concello tentará solventar as dúbidas que a veciñanza teña en relación ás medidas e restriccións aprobadas para previr a expansión da covid-19 e, en coordinación coa Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil e do grupo de voluntariado do Concello, tentará dar resposta ás necesidades que xurdan no ámbito particular deste colectivo, como a entrega de medicamentos, produtos de primeira necesidade, desprazamentos a centros médicos…

En todo caso, o Concello apela a un uso responsable do servizo para garantir a súa eficacia en beneficio daquelas persoas que máis o precisan.