O Concello de Valdoviño faise coa propiedade de todas as estradas militares no municipio

O alcalde, Alberto González, recepcionou esta mañá a acta de entrega e valorou a estreita colaboración co Ministerio de Defensa

O Concello de Valdoviño faise coa propiedade das estradas militares do termo municipal. Con esta cesión dáse seguridade xurídica a todas as actuacións, tanto públicas como privadas, que se viñeron facendo nos últimos anos na zona de influencia desas vías. Así mesmo, a partir dagora, o Concello non terá que pedir autorización nin informar ao Estado das obras ou calquer tipo de actuación a realizar, simplificando os procesos. Nesta liña, o alcalde, Alberto González, destaca que este constitúe o primeiro paso dunha relación de colaboración que continuará coa próxima cesión en carteira, a das baterías de Monte Campelo, cuxa tramitación está moi avanzada. 

Esta mañá, González recibía de mans do tenente coronel Álvaro Vizoso a acta de entrega, na que se recolle a sinatura do acordo de cesión da propiedade entre o propio rexidor e o director xerente do organismo autónomo Instituto de Vivenda, Infraestruturas e Equipamento da Defensa, Sebastián Marcos Morata. 

Os viais que pasan a mans do Concello son, en concreto, aqueles que partindo da AC116 suben ás baterías de Campelo e a que conecta co campo de fútbol de Meirás, ademais de todos os pequenos tramos interiores que discorren pola propiedade militar. 

Por último, o alcalde valorou a estreita colaboración entre o Ministerio de Defensa e o Concello, agradecendo todas as facilidades dadas.