O Concello de Valdoviño estima un aforro de 750.000 euros en 5 anos co novo contrato de subministro eléctrico
A Xunta de Goberno Local adxudica o contrato a Endesa Energía SAU
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá da adxudicación do contrato de subministro de electricidade en alta e baixa tensión á empresa Endesa Energía SAU. Unha licitación que se realizaba a través da Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), á que recentemente se adhería o Concello para axilizar trámites e procedementos.
A Administración local destinará unha partida duns 160.000 euros máis ive ao ano cunha duración de 5 anos, incluídas as prórrogas correspondentes. Así, o gasto nese lustro ascendería a uns 803.000 euros. Segundo explicou o alcalde, co novo contrato o Concello aforrará uns 750.000 euros nese periodo, o que reduce a factura eléctrica practicamente á metade.
Ese significativo aforro débese a dúas razóns principais. Por un lado, a empresa adxudicataria presentaba unha oferta que rebaixaba o importe de licitación en máis de 39.000 euros e, por outro, o Concello realizaba un estudo que constataba a posibilidade de reducir os gastos polo servizo noutros 100.000 euros anuais respecto á factura actual. Entre outras razóns, polo menor consumo derivado da implantación de tecnoloxía LED ou renovación de cadros eléctricos que o Concello levou a cabo nos últimos anos.
.