O Concello de Valdoviño e Aspaneps alíanse para favorecer a reciclaxe de tapóns de plástico
O concelleiro de Servizos, Benito Vega, visitou o centro ocupacional da asociación en Fene e os programas que desenvolven no ámbito da formación pre-laboral como os talleres de compostaxe comunitario e reciclaxe
Valdoviño, 17 de abril de 2024. O Concello de Valdoviño e Aspaneps -Asociación de Pais e Nais de Nenos e Nenas con Problemas Psicosociais- inician unha nova etapa de colaboración en materia medio ambiental. Estreitan así un vínculo vixente hoxe en día a través da Mancomunidade e centrado no apoio ao servizo de atención temperá da entidade. O concelleiro de Servizos, Benito Vega, visitaba estes días o centro ocupacional da asociación en Fene para coñecer os seus programas, especialmente os enfocados á formación pre-laboral: talleres de serigrafía, artesanía creativa, xardinería e compostaxe comunitario e reciclaxe de plásticos. Ámbito este último no que a entidade sempre estivo á vangarda grazas ao papel e implicación de persoas como Xavier Picos, educador social de Aspaneps.
Acompañado da presidenta, Elena Rodríguez; os vogais Juan Dapena e Verónica Leiras, e de Xavier Picos, o edil coñeceu en primeira persoa os procesos que se seguen nos obradoiros. Unha visita da que xurdía a posibilidade de establecer esa nova relación de colaboración. Deste xeito, Aspaneps recepcionará os tapóns de plástico que a veciñanza deposita no colector ubicado nas inmediacións do parque infantil da Frouxeira -refugallos que sempre tiveron un destino social, primeiro Aspanemi e máis tarde a pequena Enma, afectada do síndrome de Angelman-. Será entón cando os usuarios e usuarias de Aspaneps fagan a súa maxia, e nos talleres reciclen e transformen o plástico noutros elementos, facendo posible a súa reutilización con outros usos. Un proceso laborioso que comeza coa separación dos tapóns por cores e números; continúa co seu triturado dando lugar a microplásticos, e conclúe co seu modelado a través das máquinas inxectoras e estrusoras. ¿O resultado? Tapóns reconvertidos en raños, chaveiros, regras… e pezas de mobiliario urbano como postes para varandas ou mesmo bancos. As posibilidades son infinitas.
Ademais, na xuntanza abordouse a posibilidade de que o Concello facilite aos 23 usuarios e usuarias de Aspaneps actividades de lecer no municipio xa de cara ao verán, tal como actividades deportivas vencelladas ao surf ou visitas guiadas ao Océano Surf Museo.