O Concello de Valdoviño demanda a Turismo os expedientes e informes que derivaron na clausura temporal do cámping

O alcalde, Alberto González, bota en falta unha chamada da Xunta informando da situación ao Concello como propietario das instalacións

Valdoviño, 4 de setembro do 2026. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, ofrecía onte en pleno toda a información da que dispón o Concello en relación á clausura temporal do cámping municipal. Aproveitaba o capítulo de rogos e preguntas para informar aos grupos e tamén á cidadanía, a través da gravación en directo da sesión plenaria. Así, explicou que o Concello ten constancia do peche o martes a última hora da tarde a través dunha chamada telefónica da UTE de empresas que xestiona o cámping. O mércores pola mañá o propio alcalde ponse en contacto telefónico con Turismo de Galicia, e un funcionario trasládalle que o peche se debe a un tema administrativo relacionado con algunhas das novas infraestruturas que se están a instalar e que por procedemento a Xunta non está obrigada a informar ao Concello senón ao concesionario. En todo caso, o alcalde botou en falta como mínimo unha chamada de cortesía por parte da Xunta informando da situación ao Concello como propietario das instalacións.

Coa información aportada, Alberto González tamén considerou cando menos estrano que a Xunta decida o peche total das instalacións e non a clausura localizada desas infraestruturas concretas. Sobre todo porque o negocio conta con dúas licenzas de actividade independentes: a de cámping, e tamén, a de cafetería, que non debería verse afectada pola primeira.

En todo caso, e como a información da que dispón o Concello é a través de dúas conversas telefónicas, onte o alcalde remitía un escrito a Turismo de Galicia solicitando todos os expedientes e informes que derivaron nesta situación onde Valdoviño, e a súa imaxe a nivel turístico, é o gran perxudicado. Unha vez se reciba eses informes, valorarase a situación, e no caso de que sexa precisa a intervención do Concello, este tomará as medidas que sexan oportunas.