O Concello de Valdoviño dá luz verde ao seu Plan de Mobilidade Sostible

O documento, froito dun proceso participado, marcará as liñas de actuación nos próximos anos, incorporarase á elaboración do Plan de Urbanismo e permitirá optar ás convocatorias dos Next Generation

Valdoviño, 9 de outubro de 2021. A corporación municipal de Valdoviño aprobou por unanimidade en pleno o Plan de Mobilidade Sostible. Un documento mestre de planificación estratéxica do territorio a través do fomento dunha mobilidade sostible, que procure unha accesibilidade universal e inclusiva e unha redución da pegada de carbono. Así mesmo, permitirá prever accións para incorporar na planificación urbanística do PXOM, hoxe en fase de elaboración, e optar ás axudas dos fondos Next Generation para executar actuacións de urbanización e reurbanización do espazo público. 

En liñas xerais, o documento aposta por un reparto máis equitativo do espazo público e unha redistribución que favoreza os modos alternativos de transporte sostibles. Esta nova redistribución está vinculada cunha nova xestión dos espazos de aparcamento, que á súa vez favorecerán ao peón na súa reconquista do espazo público. Así mesmo, propón un novo equilibrio nos modos de transporte utilizados pola cidadanía, fomentando os sistemas de mobilidade alternativa sostible dende un punto de vista social e ambiental a través da mobilidade peonil, en bicicleta e en transporte público, así como un aumento da seguridade viaria e a accesibilidade universal. Un modelo que permita unha significativa redución na emisión de gases de efecto invernadoiro e polo tanto contribúa á mellora do medio ambiente e da calidade de vida dos veciños e veciñas.

Así, prevé a humanización de espazos, gañando terreo para o peón en detrimento do coche; a implantación da dirección única en viais co mesmo obxectivo; a creación de sendas ciclistas ou a dotación de novos aparcadoiros disuasorios nas contornas das praias e zonas máis urbanas. 

Para a elaboración do plan seguiuse un proceso participativo, no que se buscou a implicación efectiva da veciñanza, a través de enquisas online e a achega de propostas de forma presencial e a través do correo. Ademais, todos os grupos municipais tomaron parte na fase de proposición, con xuntanzas periódicas co equipo redactor, dando como resultado un documento consensuado.