O Concello de Valdoviño dá luz verde a uns orzamentos de 6,6 millóns de euros

A corporación aproba inicialmente as contas, que medran un 21,12% respecto a 2023, e que pasarán agora a exposición pública

Valdoviño, 7 de xuño de 2024. Na sesión plenaria celebrada onte á tarde, a corporación aprobaba inicialmente os orzamentos municipais para o 2024. O documento económico contempla uns ingresos e gastos de 6.621.240,21 euros, o que representa un incremento do 21,12% respecto ao exercicio 2023, os últimos aprobados. Un aumento que se debe, fundamentalmente, á previsión de ingresos por impostos indirectos -fundamentalmente a petición de repotenciación do parque eólico sito no municipio- e ás novas altas no servizo de recollida de lixo rexistradas tras a última revisión levada a cabo. Tal e como matizaba onte na sesión o alcalde, Alberto González, o documento tan só recolle aquelas subvencións procedentes doutras administracións aprobadas e comunicadas, non así as que habitualmente recibe o Concello ano tras ano se estas aínda non foron confirmadas. Un factor que, sen dúbida, podería elevar aínda máis as contas.

Sobre as liñas mestras dos orzamentos, o rexedor indicou que se trata dun documento de carácter técnico no que se recollen os principais investimentos, moitos deles aprobados xa en exercicios anteriores, pero non executados polo impacto do contexto económico actual de suba xeneralizada de prezos, que obrigou á revisión de orzamentos de obras e servizos tras a renuncia de empresas adxudicatarias aos contratos ou ben motivou a falla de presentación de ofertas nos procesos de contratación noutros casos. Neste sentido, recóllense importantes intervencións como o acondicionamento de viais, a construción da terceira e última fase do centro sociocomunitario, a construción das pistas de pádel, a conclusión das obras dos vestiarios do campo de fútbol Mourente ou melloras no edificio do centro de saúde. Ademais, as contas dan continuidade a programas educativos, deportivos e, sobre todo, de carácter social, nos que o Concello fixo un especial esforzo durante os últimos anos, priorizando a atención ás persoas.

Os orzamentos continuarán a súa tramitación, coa publicación en boletín oficial e fase de exposición pública. No caso de non recibir alegacións quedarían aprobados definitivamente.