O Concello de Valdoviño cubre a praza vacante de técnico do Océano Surf Museo

Formaliza a contratación de Carolina Casal como funcionaria interina, tras a creación da Bolsa de Emprego para suplir a baixa da titular

Valdoviño, 4 de febreiro do 2025. Carolina Casal Chico ocupará a praza de técnico do Océano Surf Museo, vacante dende hai meses por baixa da titular. Tras superar un proceso selectivo que se iniciaba coa creación por parte do Concello de Valdoviño dunha Bolsa de Emprego específica, onte asinaba o contrato como funcionaria interina. Con ampla experiencia no sector, a súa incorporación permitirá recuperar os horarios habituais de apertura do museo. Serán estes: de martes a venres de 11:00 a 13:00 horas; xoves e venres, tamén de 18:00 a 20:00 h, e sábados e domingos, de 16:00 a 20:00 horas.

Tras unha intensa actividade profesional en museos de toda Galicia, entre eles o museo do Mosteiro de Samos ou o Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo, Carolina Casal asume esta nova etapa como un auténtico reto, e cunha morea de proxectos na carteira dos que destaca como principal lograr a conexión entre o museo e a sociedade local, convertendo a esta nun dos actores principais do primeiro.