O Concello de Valdoviño creará un directorio online coa oferta comercial da localidade

Anima aos profesionais sen local de atención ao público a contactar co Concello para participar tamén da iniciativa

Valdoviño, 20 de febreiro do 2025. O Concello de Valdoviño está a traballar nunha nova iniciativa de dinamización do comercio local, que concluirá coa creación dun directorio online onde a cidadanía poderá consultar a oferta local. Estará dispoñible a través da web municipal, e seguirá a liña doutras seccións como a guía de hostalería ou aloxamentos. Agrupados por sectores de actividade, cada establecemento contará cunha breve descrición dos seus produtos e servizos, galería de imaxes, xeolocalización e datos de contacto. A fin de recabar toda a información, a semana pasada comezaban as visitas aos locais.

Ademais, segundo explica a concelleira de Comercio, Rosana García, a intención do Concello de Valdoviño pasa por sumar a ese directorio a profesionais autónomos e pequenas empresas da localidade pero sen local propio de atención ao público, como electricistas, fontaneiros/as, carpinteiros/as, docentes, axuda no fogar… Por isto, anima a estes profesionais a contactar coa Administración local a través do correo comunicacionconcellovaldovino@gmail.com sinalando nome, actividade e teléfono para poder incluílos no proxecto.

Esta iniciativa súmase a outros proxectos de promoción do sector impulsados polo Concello de Valdoviño coa colaboración do comercio e profesionais locais. As máis recentes, a campaña «En Valdoviño…adiantamos o Nadal» ou a Xincana do Comercio «Valdoviño Xplorer».