O Concello de Valdoviño convoca o proceso selectivo para crear unha bolsa de emprego de traballadores/as sociais

O prazo de presentación de solicitudes ábrese este venres

Valdoviño, 10 de abril do 2025. O Concello de Valdoviño creará unha bolsa de emprego para a cobertura dunha praza de traballador/a social funcionario/a interino/a que permitirá a posta en marcha de novos programas en materia social centrados, especialmente, en mellorar a inserción sociolaboral das persoas en situación de vulnerabilidade, entre outros. O Boletín Oficial da Provincia publicaba hoxe a convocatoria e bases do proceso selectivo, abríndose así o prazo de presentación de solicitudes por parte das persoas interesadas, dende mañá venres 11 de abril e por espazo de 15 días naturais. O trámite pode realizarse presencialmente no rexistro municipal da casa consistorial ou a través da sede electrónica.

Entre outros requisitos, as persoas aspirantes deberán estar en posesión da titulación universitaria de Diplomatura ou Grao en Traballo Social. As funcións a desempeñar son, entre outras, contribuír á integración de individuos, familias e grupos que o precisen, favorecendo solucións de reinserción social, evitando situacións de marxinación e/ou exclusión social; informar, asesorar, orientar e intervir para a resolución das situacións de necesidade e conflito a nivel individual e colectivo; xestionar e tramitar recursos e prestacións; elaborar e impulsar regulamentos e ordenanzas propias do ámbito dos servizos sociais comunitarios, ou  informes, plans de traballo e intervención, estudos e propostas.

ENLACE A BOP