O Concello de Valdoviño convoca o proceso selectivo para a contratación de 33 socorristas

O alcalde, Alberto González, avanza un investimento duns 130.000 euros no servizo de salvamento e socorrismo nas praias da localidade

O Concello de Valdoviño vén de convocar o proceso selectivo para a contratación de 33 socorristas que integrarán o servizo de vixiancia e socorrismo acuático nas praias do municipio durante a tempada estival. O Boletín Oficial da Provincia publicaba hoxe a convocatoria e as bases, abrindo así o prazo de presentación de solicitudes de 10 días naturais contados a partir de mañá venres, 21 de maio. Nesta liña, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, avanzaba un investimento duns 130.000 euros, e poñía en valor o esforzo que realiza a Administración local en materia de seguridade, convertíndose nun dos municipios galegos que máis inviste neste capítulo. Así mesmo, apuntaba que este ano o Concello decidiu contratar directamente ao persoal seguindo criterios estrictamente técnicos. 

O servizo arrancará o 26 de xuño no areal do Rodo (Pantín), coincidindo coa celebración do Pantín Classic, que este ano muda as datas da competición, adiantándoas aos mes de xuño. A partir do 1 de xullo, e como é habitual, o servizo estenderase ás praias da Frouxeira, O Baleo, Meirás e Vilarrube. 

Así, as persoas interesadas en optar ás 33 prazas deben presentar a súa solicitude no rexistro xeral da casa consistorial ou a través da sede electrónica. É requisito imprescindible estar inscrito no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos da Comunidade Autónoma de Galicia, a xornada será completa e as retribucións serán de 1.400 euros brutos mensuais e de 1.600 euros brutos mensuais no caso do socorrista-coordinador (incluídos tódolos conceptos salariais e a prorrata das pagas extraordinarias). 

+info, no BOP: https://cutt.ly/Ib9UPCl