O Concello de Valdoviño convoca o proceso selectivo para a contratación de 33 socorristas

Volve a apostar este ano pola contratación directa do persoal

Valdoviño, 1 de xuño de 2022. O Concello de Valdoviño vén de convocar o proceso selectivo para a contratación de 33 socorristas que integrarán o servizo de vixiancia e socorrismo acuático nas praias do municipio durante a tempada estival. O Boletín Oficial da Provincia publicaba hoxe a convocatoria e as bases, abrindo así o prazo de presentación de solicitudes de 5 días hábiles contados a partir de mañá 2 de xuño. Nesta liña, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, apuntaba que o Concello volve a apostar pola contratación directa do persoal en base a criterios estrictamente técnicos, na procura de evitar os problemas que ano tras ano se dan para a cobertura das prazas. 

A previsión é iniciar a prestación do servizo o 1 de xullo ata o 11 de setembro na Frouxeira e ata o 31 de agosto no resto de areais (O Baleo, Meirás e Vilarrube). O Concello tamén volverá a realizar un importante esforzo económico en materia de seguridade, destinando ao servizo uns 130.000 euros. 

Así, as persoas interesadas en optar ás 33 prazas deben presentar a súa solicitude no rexistro xeral da casa consistorial ou a través da sede electrónica. É requisito imprescindible estar inscrito no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos da Comunidade Autónoma de Galicia, a xornada será completa e as retribucións serán de 1.400 euros brutos mensuais e de 1.600 euros brutos mensuais no caso do socorrista-coordinador (incluídos tódolos conceptos salariais e a prorrata das pagas extraordinarias) 

+info, no BOP: https://cutt.ly/TJhWNz8